Friday 03 de May de 2024

Aberta a inscrición en “Agasalla comerico local, ten premio” para establecementos e negocios


O alcalde, José Manuel López Varela, presentou a iniciativa municipal dirixida a dinamizar o sector do pequeno comercio.

O alcalde, José Manuel López Varela, a concelleira de Promoción Económica, Rocío López, e a axente de emprego e desenvolvemento local, Ana Carmen Jiménez, presentaron hoxe o programa Agasalla comercio local, ten premio que impulsa o Concello coa finalidade de dinamizar o sector nas datas previas ao Nadal.

A inscrición para aqueles establecementos e negocios do termo municipal da Laracha que desexen adherirse estará aberta ata o 5 de decembro, e para anotarse requírese cubrir en liña o formulario dispoñible na web www.nadal.alaracha.gal. Poden facelo todas as pequenas e medianas empresas e autónomos laracheses dos sectores comercial, hostaleiro, cultural, educativo, taxistas, salóns de peiteado e outros tratamentos de beleza.

A partir do 11 de decembro en todos os locais e negocios adheridos a Agasalla comercio local, ten premio os clientes recibirán unha tarxeta rasca e gaña por cada dez euros de compra. Serán distribuídas polo Concello un total de 10.000 tarxetas, das cales 1.000 terán un premio directo de 10 euros para empregar en calquera dos establecementos e servizos adheridos a modo de desconto en compras mínimas de 20 euros a realizar como data límite o 23 de decembro. Os vales non son acumulables e non poderán cambiarse por cartos en efectivo. Tampouco poderán destinarse á compra de bebidas alcohólicas, tabacos ou derivados, produtos farmacolóxicos que requiran prescrición médica ou xogos de azar.

As outras 9.000 tarxetas non premiadas terán unha segunda oportunidade. Depositándoas cos datos persoais nas urnas que estarán habilitadas nas tres bibliotecas municipais (A Laracha. Paiosaco e Caión) entrarán no sorteo de tres agasallos: un cofre regalo cunha experiencia turística, unha consola PlayStation 5 e un xamón ibérico.

O Concello investirá en Agasalla comercio local, ten premio máis de 11.000 euros co triplo obxectivo de sensibilizar á poboación sobre a importancia de facer as compras no comercio de proximidade como principal motor do desenvolvemento local e de creación de emprego no termo municipal, atraer e fidelizar á clientela por medio dos vales que revertan no consumo dos propios establecementos adheridos e subvencionar as compras dos cidadáns nas datas previas ás festas do Nadal.

O alcalde, José Manuel López Varela, expresou que desde o Concello “pretendemos apoiar e incentivar as vendas e premiar á xente que vén comprar á Laracha”, invitando aos comerciantes a sumarse á iniciativa e animando aos veciños “a comprar no local, porque iso é beneficiar a todos”. Por último, apuntou que os rasca e gaña poderán ser empregados por calquera persoa que consuma no comercio local da Laracha, non só por empadroados no termo municipal.